sábado, 1 de marzo de 2014

Carnaval en Valfloriana, caras de madeira

Traio ao blogue este entroido italiano para incidir nos rasgos comúns que os carnavais rurais europeos teñen entre si. O tipo de disfrace, os rituais semellan seren paralelos entre lugares moi distantes.

A reportaxe foi feita por Andrea Zuin e del son textos e fotografías. Os vídeos saqueinos de distintas fontes da Internet.

CARNAVAL EN VALFLORIANA, CARAS DE MADEIRA


Son as dez da mañá cando a Valfloriana esperta coas campás. Non é un sinal relixioso, ningún cura se está a preparar para unha cerimonia; é o matòcio, que, dende o cume do outeiro, axita a súa campá apoiada na pelve, e avisa aos paises no val da súa chegada inminente e que se prepara para a súa misión. O carnaval da Valfloriana pode comezar.
O camiño até chegar aquí foi longo e pesado, porén a paisaxe que se presentaba dende as ventaíñas da miña casa con rodas afastaba todas as miñas preocupacións  e enchíame de fortes emocións. Neste momento estou en Sicina, o pobo máis alto da Valfloriana, onde debería atoparme no "Agritur Flor do Bosque" con Graziano Lozzer, o intendente do val. Á miña chegada o bruar do motor chama a atención de Vasile, un romanés que traballa na queixaría do agroturismo. "Está Graziano?", "non, volta esta noite". Vou pasear, case cae a noite, o aire é moi frío e os seus arredores son desertos brancos; respírase unha paz irreal. Chamame Vasile e convídame a pasar, pregúntame se gusto da ricota e agasállame cunha acabada de facer por el.





Graziano Lozzer é un dos principais protagonistas deste entroido. Os seus avós presentábano, logo o fenómeno comezou a decaer e case desaparece na década dos 80. Só agora, grazas ao traballo de toda a comunidade de Valfloriana, se converteu nun dos carnavais tradicionais máis famosos de Italia.
O carnaval desenvólvese arredor da historia dun desfile nupcial, no cal o ritual se repite en case todos os pobos do concello; dende o máis alto, Sicina, até Cassata do Val, e interprétase a traveso de cinco personaxes chave: en primeiro lugar os matòcio barbi, caracterizados por típicas máscaras de madeira, voz falsa e actitude irreverente. Teñen a tarefa de conseguir o paso dos habitantes da comunidade, que son parados ás portas de cada pobo desafiándoos con duelos verbais. Despois veñen os arlequini (arlequíns), elegantes, silandeiros, que bailan acompañados polos sonadori (músicos) que tocan o acordeón, que acompañan coa típica marcha de carnaval (marceta del carnevale) á parella de noivos (el vestido de noiva, ela -a bela- de noivo); ao final chegan os paiaci, os pallasos, burlóns e maleducados, que interpretan pantomimas sarcásticas inspiradas nos acontecementos máis importantes do pobo durante o ano anterior. Cada etapa péchase co ofrecemento dun banquete exquisito ás máscaras e ao público. Considerando que as etapas son 10 ou máis nun camiño de seis quilómetros, chégase ao solpor coa barriga chea... mais con pouco sentido de culpa.
Ao parecer a abundante neve da última tempada orixinou varios problemas de xestión á administración pública, sobre a que os pallasos teñen moito a dicir. Entre eles hai un pallaso cun garrafón e un gran cartaz atado ás costas que anuncia o peche por creba da empresa vinícola: en realidade é unha auto ironía do home agochado detrás da máscara, que prometeu deixar de beber.





Graziano interpreta con habilidade un dos principais matòci do carnaval de Valfloriana. Axitando a súa campá  (bronzin), corre -acompañado polo seu fillo Emil, futuro matòcio – cara o seguinte pobo e enfronta, no dialecto da zona, o desafío verbal cos habitantes do seguinte, que o están agardando e pídenlle a documentación para pasar.
Cóntame que o matòcio non podía ser recoñecido, por isto leva unha máscara e nunca a quita, falando todo o tempo falseando a voz. Antano, os pobos da Valfloriana durante todo o período do carnaval, organizaban cortexos "contra" dos seus veciños e os matòci provocaban aos habitantes cos contrest (os duelos verbais), tratando de agochar a súa propia identidade. Ao día seguinte o pobo, vítima das burlas do matòcio podía "vingarse" organizando o mesmo ritual. Estes desafíos pagábanse con cartos e as mulleres non podían participar.
Hoxe en día os matòci seguen empregando a tradición da máscara e a voz, porén todos os habitantes do lugar coñécenos. Proben a imaxinar as pantomimas que se crean cando todos saben que detrás daquela máscara se agocha a cara do intendente... por sorte Graziano en Valfloriana é moi querido polos seus cidadáns, polo seu traballo e o seu entusiasmo. A súa retranca acéptase entón con ironía e espontaneidade.
Os matòci son moitos e cada un deles sabe que en cada etapa terá que enfrontar un desafío preparado con moito coidado. En Montalbiano, por exemplo, preparáronse dúas toradas apoiadas no camiño; pediráselle a un matòcio que fora leñador de demostrar se aínda é quen de exercer ese traballo.
Cando as probas se superan e os matòci logran demostrar as súas habelencias, pódense abrir as reixas e acoller o cortexo nupcial que chega bailando.
É posíbel entender o senso deste ritual só grazas ás explicacións dos habitantes do pobo. Ivano, por exemplo, un veterano do entroido, acompáñame nalgunha etapa antes de que o matòcio chegue e, entre os habitantes do pobo que preparan os banquetes e os obstáculos, descubro anécdotas curiosas sobre a vida cotiá da Valfloriana e sobre a interpretación dos contrest.





Chegamos arredor das sete da tarde a Casatta, a derradeira etapa deste día tan particular. Estou moi canso e trato de imaxinar as condicións dos matòci, arlechini, paiaci, sposi e sonadori que durante todo o día alimentaron o significado deste carnaval tan característico. Os pallasos vestidos de obreiros públicos acompañan ao matòcio Graziano no seu difícil percorrido nunha zona chea de neve preparada a mantenta e os arlequíns fan o seu último baile coa aperta final dos noivos. Todos están moi cansos, Graziano ademais debeu deixar a voz dentro da máscara; mais todos parecen estar satisfeitos de cómo conseguiron manter do mellor xeito posíbel esta tradición que une toda a Valfloriana e aos seus habitantes co seu gran corazón.
Andrea Zuin


Agradecementos: o intendente Graziano Lozzer e a súa muller Isa, Vasilio, Emil (o pequeno e futuro matòcio), Agnese e o equipo do Agritur Fior di Bosco, todos os habitantes de Valfloriana que me recibiron, me axudaron e me contaron as súas historias.

http://www.ilcamminodellamusica.it


Ningún comentario:

Publicar un comentario